A Deputación de Lugo, Lidl Supermercados e o lucense Juan Ramón Salido, Premios COGAMI 2016

19 de decembro de 2016  Cristina Pet
Foto

COGAMI entrega os Premios COGAMI 2016, uns recoñecementos que creou a entidade co fin de agasallar a aquelas institucións, empresas e persoas que traballan a favor da inclusión do colectivo das persoas con discapacidade, que traballan por crear unha sociedade máis xusta.

Nesta edición, os premios foron entregados no auditorio de AFundación de Pontevedra, ante un aforo formado por 300 persoas traballadoras de COGAMI e que contou coa presentación do xornalista da TVG, Enrique Magdalena.

Os premiados desta edición son:
A Deputación de Lugo, na convocatoria Premio Iniciativa Institucional que recoñece o apoio prestado polas entidades públicas e privadas ás persoas con discapacidade.
O xurado acordou premiar a este organismo porque colabora directamente con COGAMI dende hai anos na inclusión das persoas con discapacidade. Algunhas destas colaboracións que se destacan son o programa Ben Empregado, que fomenta a inserción das persoas con discapacidade subvencionado ata o 100% a súa contratación, ou tamén a colaboración mediante a financiación do servizo de Intermediación Laboral de COGAMI para que se poida manter nas zonas rurais da provincia.
O premio recolleuno o vicepresidente da Deputación de Lugo, Álvaro Santos Ramos, e quen llo vai entregar vai ser o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.

Supermercados Lidl, na convocatoria Premio ao labor empresarial, que agasalla a aquelas empresas que integran laboralmente a persoas con discapacidade.
O xurado elixiu esta empresa porque aposta pola contratación de persoas con discapacidade, tanto a través da subcontratación de servizos na planta loxística de Narón a dous centros especiais de emprego, como son Coregal e Combina Social SL, como tamén pola paulatina incorporación de persoal laboral en cada un  dos seus centros de traballo, tanto a nivel almacén como supermercados.
O premio reccolleuno o xerente de Loxística da Delegación de Galicia, Agustín García, e entregoullo a Secretaria Xeral de Emprego, Covadonga Toca.

Juan Ramón Salido Rodríguez, persoa voluntaria do centro que ten COGAMI en Lugo na convocatoria Premio “Domingos Dosil” á traxectoria persoal, que recoñece o labor daquelas persoas que de xeito individual e desinteresado traballan por un mundo máis inclusivo, ademais de honrar a memoria do fundador de COGAMI.
Dende hai máis de 10 anos Juan Ramón colabora como voluntario tanto impartindo formación sobre braille, como instalando produtos de apoio dixitais, participando en todas as saídas que realizan no centro, acompañando no transporte público e impartindo pautas para ser máis independentes a persoas usuarias do centro con discapacidade. A dedicación como voluntario é tal que, aínda que atravesou etapas complicadas a nivel persoal, nunca deixou o centro.
Recolleu o premio Juan Ramón Salido da man do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

Xurado
Estes premiados foron seleccionados por un xurado que estivo formado por Ramón Sestayo Lestón, como presidente do xurado en calidade de vicepresidente de COGAMI; Sheila Tarela García, en calidade de representante das persoas usuarias dalgún dos centros ou servizos de COGAMI; Rosa María Vilar Cordovês, representando ás entidades membro de COGAMI que non forman parte da Xunta Directiva da Confederación; Paulo Fontán Torreiro, presidente da asociación AMIZADE e membro da Xunta Directiva de COGAMI e Juana Mª Tubío Ordóñez, como secretaria designada polo presidente do xurado.

Outros premiados
Os Premios COGAMI nacen hai seis anos coa idea de premiar a aqueles organismos, institucións, empresas e persoas que colaboran coa Organización na inclusión do colectivo das persoas con discapacidade. En anos anteriores, recibiron estes galardóns os concellos de Santiago, Allariz e Pontevedra, a Xunta de Galicia, Fundación Vodafone, Pizzería Bocalino, Loida Imagen, o programa Convivir en Igualdade da Radio Galega, o presidente e fundador de COGAMI Domingos Dosil, o voluntario de COGAMI e colaborador José Rey Aneiros, a presidenta de Asodifisi María Carreira e o presidente de Cegasal José Antonio Vázquez Freire.