A MARIÑA-COGAMI leva a cabo un proxecto de desenvolvemento integral para persoas con discapacidade da Mariña Lucense

5 de maio de 2017  prensa
Foto

A Asociación A Mariña- COGAMI está a desenvolver no seu Centro de Recursos para persoas con Discapacidade sito na Urbanización Palmeiro- A Regueira (Xove) durante  o período de 1 de xaneiro ata o 31 de decembro  de 2017  o “Proxecto de desenvolvemento integral para persoas con discapacidade da Mariña Lucense”, co que se pretende  promocionar o desenvolvemento integral das persoas con discapacidade, potenciando capacidades cognitivas e sociais, sen descoidar o mantemento e recuperación  física e emocional, e prevé beneficiar a 15 persoas  da Comarca da Mariña Lucense, ámbito territorial onde se executa o proxecto.


Este proxecto execútase grazas á subvención de 60.000 euros procedentes do 0,7% del IRPF do Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad xestionado por COCEMFE. A Confederación xestiona esta subvención para que as súas entidades membros poidan financiar os seus proxectos prioritarios, ao tempo que lles proporciona asesoramento e realiza o seguimento durante a elaboración, execución e xustificacións dos mesmos. Neste caso, o proxecto enmárcase no Programa de COCEMFE de  Apoio á Autonomía Persoal e Vida Independente.


O proxecto integral para persoas con discapacidade combina accións dirixidas á formación e capacitación das persoas, ademais de potenciar a súa recuperación e mantemento físico- funcional.
Así mesmo, caracterízase pola atención integral á persoa, atendendo áreas psicoeducativas, rehabilitación física e un servizo de apoio persoal con intervención social e psicopedagóxica, que facilita que a persoa alcance un maior grado de independencia na súa vida diaria.


Proxectos como este desenvólvense grazas á solidariedade dos contribuíntes que cada ano marcan na súa declaración da renda o recadro de Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social.
A Asociación de Persoas con Discapacidade da Mariña Lucense “A MARIÑA-COGAMI”, é unha Organización non Gobernamental  constituída o ano 1989,  que ten como obxectivo conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade a través da defensa e promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social, da potenciación e coordinación do asociacionismo e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas. É membro da Federación Provincial COGAMI- Lugo e da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI).