Presentación do plan de mellora da accesibilidade no concello de Barbadás que realizou COGAMI

18 de maio de 2017  Cristina Pet
Foto

O Tenente de Alcalde de Barbadás, Xosé Manuel Firvida, o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, acompañados pola concelleira de Urbanismo, Infraestruturas, Vías e Obras e Servizos e Vivenda, Victoria Morenza, o coordinador de Fondos Propios de COGAMI, Álvaro García, e os técnicos de accesibilidade desta entidade, Luisa Miranda e Diego Piñeiro, presentaron o Plan Director de Mellora da Accesibilidade Universal en A Valenzá, un documento que analiza cal é a situación actual da accesibilidade nas rúas deste núcleo urbano, e cales deben ser as posibles actuacións que habería que acometer para mellorala.

“É un plan que está pensado para todo o mundo”, explicaba o presidente de COGAMI, “a accesibilidade non é un tema específico das persoas con discapacidade, é para a sociedade no seu conxunto”. Dende o concello de Barbadás, o Tenente de Alcalde manifestou que “este plan servirá para mellorar a calidade de vida da veciñanza de Barbadás”, ademais engadiu que dende o Consistorio van apostar por “mellorar a accesibilidade”.

As rúas analizadas neste informe foron: Avenida de Celanova, Rúa das Cuartas, Rúa San Bernabé, Rúas do Areal, Rúa de Tomás Rodríguez Punxín, Rúa do Picoto, Rúa da Presa e Rúa do Enxino. Ademais das rúas, tamén se analizou o estado de 8 edificios municipais, sendo estes a casa da cultura, a casa da xuventude, a oficina municipal, a piscina, o local de servizos sociais, a gardería, o local da 3ª idade e as instalacións da policía local.

Este informe foi entregado despois de que un equipo técnico, integrado por 2 arquitectos e 2 persoas con máster en accesibilidade, de COGAMI  estivera durante catro meses analizando in situ tanto as rúas como os espazos e edificios públicos do concello. Para levar adiante este plan, contaron tamén coas aportacións de entidades de persoas con discapacidade, empresariais, de persoas maiores da zona, técnicos municipais de urbanismo e axentes locais de seguridade cidadá.

A mellora da calidade de vida dos veciños, revitalizar o entorno urbano, facilitar o tránsito de peóns, favorecer o deseño urbano para as persoas, crear espazos libres, suprimir as barreiras arquitectónicas e urbanísticas ou converter a Barbadás nun concello de referencia en materia de accesibilidade son algúns dos obxectivos marcados á hora de deseñar este plan.

Tras esta análise exhaustiva, o documento final especifica as intervencións que deben facerse co fin de que os espazos públicos permitan circular a todas as persoas. A relevancia das actuacións está baremada nunha puntuación comprendida de 1 ao 10, tomando como referencia a puntuación máis alta para aqueles lugares que teñen maior prioridade para ser intervidos, aqueles que deben ser arranxados con maior urxencia.

O informe tamén recolle o orzamento que sería necesario para acometer cada unha das intervencións, alcanzando o conxunto de todas elas un custo exacto de 357.850 euros.